Sanxenxo acolle ata o 6 de xuño a mostra Os camiños de Santiago. Segundo Hevia na colección Caixa Galicia

A sede náutica de Caixa Galicia no concello pontevedrés de Sanxenxo acolle a exposición Os Camiños de Santiago. Segundo Hevia na Colección Caixa Galicia, que está enmarcada na programación conxunta do Xacobeo 2010 con Caixa Galicia. Na mostra, que poderá verse neste emprazamento ata o próximo 6 de xuño, móstranse as acuarelas máis significativas do artista Segundo Hevia sobre as rutas xacobeas. Este proxecto expositivo encádrase no Camiño Contemporáneo da programación do Xacobeo 2010, que recolle as mostras de carácter máis contemporáneo plasmadas en diferentes espazos de Galicia.

Nas obras o artista reproduce diferentes escenas pertencentes ao Camiño de Santiago Francés e ao Camiño Portugués. Trátase de acuarelas dunha que se caracterizan por unha gran riqueza tanto compositiva como cromática. Ao mesmo tempo, as obras de Segundo Hevia son sinxelas e frescas, froito da factura rápida que fundamenta o bosquexo tomado a pé de rúa. Asemade, ao valor estético das obras hai que engadirlle o valor histórico, xa que as acuarelas funcionan como unha catalogación completa do patrimonio histórico artístico que xorde a través dos séculos arredor da vía de peregrinación.

Segundo Hevia nace no ano 1919 en Pontevedra, onde realiza os seus estudos de bacharelato e onde animado polos seus pais dedícase á práctica do debuxo. No ano 1938, obrigado pola Guerra Civil, incorpórase ao exército do que non se licencia ata catro anos máis tarde. Os últimos meses deste período pasaraos en Santiago de Compostela, cidade na que se instala definitivamente, coa excepción de tres anos que pasa en Granada. Inicia os seus estudos de Ciencias Químicas. Implícase de cheo na vida compostelá e a partir do ano 1950 comeza a dedicarse de forma continuada á súa actividade artística, sendo o ano 1960 testemuña da súa primeira exposición de óleos, na sala de exposicións da Delegación do Ministerio de Información e Turismo en Santiago de Compostela.

[FOTO2En 1964, a partir das reunións que se celebraban no desaparecido Café Español de Santiago, xunto a Manuel Garabal, Concha Vázquez, Manolo Pesqueira e Felipe Criado forman o grupo Mestre Mateo coa pretensión de fomentar as exposicións colectivas e crear unha sala permanente que facilitase as mostras aos creadores neófitos. Desaparece un ano despois, pero no recordo queda unha iniciativa que posteriormente será secundada e levada ao éxito por outros colectivos artísticos.

En 1971 a Segundo Hevia concédeselle a Medalla de Prata da Bienal Rexional de Pontevedra. Ao longo dos anos expón incansablemente, ilustra libros e exerce como presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación (do 1982 a 1998). En 1997 recibe a Medalla Castelao como recoñecemento ao labor artístico desempeñada ao redor de Galicia e do Camiño de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia