Máis de 3.000 persoas asisten en Londres á presentación do Sonar Galicia

Máis de 3.000 persoas asistiron en Londres ao espectáculo A Taste of Sónar, un aperitivo dos artistas que o festival Sónar Galicia traerá a ExpoCoruña entre o 17 e o 19 de xuño no marco do Xacobeo 2010. O avance do Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia, que se celebrará de forma simultánea en Barcelona e A Coruña, rexistrou un grande éxito de público e as entradas xa se esgotaran nos días previos a súa celebración.

En A Taste of Sónar, que se celebrou o venres e o sábado na sala Roundhouse de Candem, participaron artistas dos que poderán verse na Coruña en xuño. Durante as dúas xornadas que durou o festival actuaron 30 grupos de renome internacional. Asemade, este evento incluíu o sábado a actuación sorpresa non anunciada do grupo 2manydjs, o dúo belga xa programado para Sónar 2010 tanto en Barcelona como na Coruña.

Neste avance do que será o Sónar Galicia participaron artistas como Laurent Garnier, Matthew Herbert, Jon Talabot e bRUNA, que no mes de xuño actuarán tamén en ExpoCoruña, recinto que acollerá o festival Sónar Galicia. A Taste of Sónar foron dúas xornadas nas que actuacións de 30 artistas de primeiro nivel amosaron o espíritu sónar.

A Taste of Sónar é a posta de largo internacional do que será o festival Sónar. O conxunto de artistas que estará presente na Coruña é un exemplo da grande aposta do Xacobeo 2010 por ofrecer ó longo de todo o ano un conxunto de espectáculos musicais de altísimo nivel e calidade. O cartel do festival que se celebrará en Galicia conta tamén cunha importante mostra da música galega contemporánea, xunto con grandes shows de artistas internacionais cunha recoñecida traxectoria musical.

No escenario principal de A Taste of Sónar en Londres ofreceuse a primeira actuación en Europa de DOOM, unha figura clave do hip hop underground. Xunto a el estivo Matthew Herbert, que forma parte do cartel Sónar Galicia, recuperando a súa faceta de dj e con tres novos proxectos en marcha, o show audiovisual de Ryoichi Kurokawa e as sesións de Roska e os djs do selo Lex Records.

O sábado 6 de marzo déronse cita o directo de Laurent Garnier coas sesións especiais de Kieran Hebden aka Four Tet, o catalán John Talabot, e o británico Mooken, ademais do show Laser Sound Performance do artista holandés Edwin van der Heide. Tanto Laurent Garnier como John Talabot forman parte do cartel de Sónar Galicia.

Na outra sala, o Studio Theatre, Red Bull Music Academy (que precisamente este ano ten a súa sede en Londres) presentou algúns dos artistas novos con máis talento do panorama internacional. Entre outros, actuaron o escocés Hudson Mohawke e o barcelonés bRUNA (que estará na Coruña en xuño), ademais de varios dos participantes nesta edición da Academy: AD Bourke, Juan Son, Lunice, Cherry Chan, Katy B, Space Dimension Controller, Ango, Infestus, Monosyllabik e Gabriel Nascimbeni.

Programación do Sónar Galicia

O Sónar Galicia servirá para a promoción tanto nacional como internacional do Xacobeo 2010 e da propia comunidade galega. Con este obxectivo, o recinto de ExpoCoruña acollerá actuacións de recoñecidos artistas internacionais e destacados músicos galegos.

O xoves 17 de xuño o evento abrirá co escenario SonarVillage, no que actuaran máis de 20 grupos de música electrónica nacionais e internacionais durante tres días. O venres 18 sumarase ao SonarVillage o escenario SonarComplex, o escenario do festival que albergará as propostas de corte mais experimental; e un terceiro, SonarClub, o de maior aforo e que está enfocado as propostas mais bailables, que se incorporará a noite do sábado 19. O prezo das entradas é de 15 euros para o xoves 17, de 20 euros para o venres 18 e de 25 euros para o sábado 19. Asemade, haberá un abono para os tres días por 50 euros, que permite o acceso a todas as actividades do festival.

Ao igual que Sónar Barcelona, Sónar Galicia contará con artistas de primeiro nivel do panorama internacional, presentando propostas innovadoras que moitas veces virán acompañadas de novos traballos discográficos que se verán por primeira vez en A Coruña neste mes de xuño.

Sónar Galicia tamén mostrará o traballo de artistas galegos que están investigando nos campos da electrónica e do pop avanzado con altas doses de talento e imaxinación, coa vocación de que o seu traballo alcance a visibilidade mais alá do territorio nacional. Os artistas galegos confirmados ata o de agora para a cita coruñesa son: David M., Grobas, Ino, Fluzo, 6PM, Cora Novoa, MwesLee Vs BFlecha, Viktor Flores e Fat Fish.

Entre os días 17 e 19 de xuño, dentro do Sónar Galicia tamén poderá visitarse SonarMàtica, unha iniciativa expositiva de arte multimedia que mostrará as obras de varios destacados artistas galegos, asociados baixo o paraugas de colectivos de creación multimedia.

A imaxe do Sónar 2010 toma forma de longametraxe a través de Finisterrae: unha viaxe fantástica de Barcelona a Galicia. Esta película mostra a viaxe introspectiva das pantasmas do Sónar 2009 que deciden facer o Camiño de Santiago dende Barcelona ata o fin do mundo para, unha vez alí, comezar unha nova etapa terreal e efémera.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia