Santiago acolle un curso de coordinadores do voluntariado do Xacobeo 2010

Santiago acolle no Monte do Gozo o curso presencial para os coordinadores do programa Voluntariado Xacobeo 2010, unha iniciativa que porá en marcha o Goberno galego con motivo do Ano Xanto. O obxectivo da acción formativa, á que acudirán un total de 25 coordinadores, é establecer as bases de funcionamento e coordinación entre todas as persoas que traballarán no devandito programa.

O curso, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, comeza cunha presentación en xeral da iniciativa, que correrá a cargo do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato.

Na primeira xornada do curso daranse diversas conferencias ao longo de todo o día sobre temáticas diferentes. Así, a coordinadora do programa Voluntariado Xacobeo 2010 Galicia, Beatriz Barbeito, exporá a función dos coordinadores do programa e os seus campos de actuación; o experto en programas de Xuventude e Voluntariado, Roberto Fernández Cartón, centrarase no ámbito lexislativo e falará sobre a Lei do Voluntariado e so dereitos e deberes do voluntario, do coordinador e da administración e o periodista Cristóbal Ramirez disertará sobre a experiencia dos peregrinos.

Ademais, haberá varios relatorios sobre os protocolos de actuación a seguir en caso dunha emerxencia e as principais normas de seguridade viaria no camiño. Ao respecto, o xefe do servizo de Protección Civil, dependente da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Pedro Luis Sánchez, ofrecerá unha conferencia sobre a prevención e recomendacións, así como os ámbitos de actuación. O obxectivo é buscar a máxima coordinación entre os voluntarios do programa autonómico e as persoas de Protección Civil que habitualmente están ao pe do camiño.

O curso rematará con dúas ponencias. A primeira centrarase nunha explicación sobre outros programas levados a cabo por voluntarios e a segunda versará a cerca da actuación ante os medios de comunicación.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia