A Orquestra Panorama presenta a Xira do Xacobeo

A Orquestra Panorama presenta no Teatro Principal de Santiago, A Xira do Xacobeo, que levará a esta formación a máis de 200 poboacións galegas durante este Ano Santo. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, promove esta xira que levará as actuacións da Orquestra Panorama a máis de 200 vilas galegas durante todo o Ano Santo 2010. Xacobeo 2010 participa deste xeito nunha das celebracións máis populares de Galicia como son as orquestras musicais, que cada ano congregan a máis público sen importar a idade, o tipo de poboación ou a clase social.

A gala de presentación está conducida por Javi Rocha, coñecido reporteiro da Televisión de Galicia, que enche de espontaneidade e humor un acto onde a Orquestra Panorama mostra aos seus seguidores o seu novo espectáculo, no que aposta pola música de calidade adaptada ás súas actuacións. A posta en escena desta formación é coñecidas pola súa espectacularidade, e este ano, incorpora novos formatos como proxeccións audiovisuais rodadas en diferentes lugares de Galicia.

Nesta presentación, a orquestra formada por 13 músicos, presenta as súas dúas novas cantantes, ofrece un avance dos pormenores do seu novo espectáculo e mostra as interioridades da vida dunha orquestra. Deste xeito, os músicos de Panorama contan anécdotas de xiras anteriores e responden ás preguntas do público.

Actuacións en máis 200 vilas

O primeiro concerto da xira celebrarase o 12 de marzo en Bembibre (Val do Dubra), e a partir de aí a orquestra percorrerá máis de 200 localidades galegas. Así, ao longo deste ano a formación musical ofrecerá concertos en Coirós, Negreira, Vigo, Santiago, Ribadeo, Boqueixón, Noia, etc.

A organización xa confirmou para esta noite a presenza de seguidores de toda Galicia pero tamén de Madrid, Ávila, Zaragoza, Asturias e Portugal, no que será a festa presentación da Xira do Xacobeo Panorama 2010. A continuación, a partir das 12.30 da noite, haberá unha festa para os fans na Sala Capitol.

Doutra banda, esta noite anunciarase a celebración, o 30 de abril en Ordes, igual que o ano anterior, da III Gala Contra o Cancro. Na edición do ano pasado, preto de 50.000 persoas acudiron a ver este espectáculo, no que os músicos de Panorama compartiron escenario con artistas do talle de David Bisbal, David Bustamante, Marta Sánchez ou Carlos Baute.

A Orquestra Panorama actuou por primeira vez o 25 de decembro de 1978. Dende entón ofreceron multitude de concertos converténdose nun dos referentes deste tipo de formacións non só en Galicia, senón tamén en España.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia