Xantar acolle o VI Encontro de Confrarías Gastronómicas e Enófilas de España e Portugal

Como xa é tradicional, o xoves de Xantar, que nesta ocasión coincide a 4 de marzo, celébrase o Encontro de Confrarías Gastronómicas e Enófilas de España e Portugal, que cumpre xa seis anos e que, ó igual que o resto de actividades previstas para esta undécima edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo, estará adicado ó Ano Santo XACOBEO 2010 e a promoiconar a Gastronomía dos Camiños. Por tal motivo, este ano o Encontro de Confrarías contará cun programa máis amplo de actividades, que se extende ata o venres 5 de marzo, e que inclúe, ademais do habitual Symposium e xantar de confraternización no salón, unha visita a Santiago de Compostela para gañar o Xubileo e un percorrido a pé dunha parte do Camiño.

O VI Encontro de Confrarías comezará o xoves 4, cunha recepción na Cámara de Comercio e Industria de Ourense e continuará co tradicional desfile pola Rúa do Paseo ata a Praza Maior da Cidade onde serán recibidas por autoridades municipais. As demais actividades do día programadas para as irmandades celebraránse no Salón. A segunda xornada do encontro, o venres 5, contempla a realización do primeiro tramo da Vía da Prata a pé (Camiño Real- Cudeiro- Ourense). Tras a camiñata, os cofrades visitaran a capital galega e asistirán a Misa do Peregrino na Catedral.

Para facilitar a súa estancia, a organización de Xantar pon a disposición dos cofrades un paquete especial de dous días a un prezo vantaxoso coa fin de que poidan participar nas actividades programadas para os dous días.

En cada edición deste encontro que se leva a cabo no Salón de Gastronomía e Turismo, reúnense unha vintena destas irmandades embaixadoras de calidade culinaria e vitivinícola. Este tipo de entidades están integradas por representantes institucionais, empresariais, da Universidade e expertos que poñen en valor o

patrimonio gastronómico ibérico. Así, no marco de Xantar, as confrarías procedentes de toda España e Portugal, especialmente das comunidades invitadas, aproveitan para confraternizar e compartir coas demais as súas experiencias.

Este encontro inclúe outras actividades paralelas como o Capítulo Extraordinario da Confraría Luso-Galaica que se investirá a novos cofrades; unha cata comentada de produtos das Azores ofrecida pola Confraría de gastrónomos destas illas portuguesas ou a presentación da última publicación da Confraría do Viño de Tenerife e Canarias.

Confrarías procedentes de Lamego, San Xoan da Pesqueira, Illas Madeira e Azores, Tenerife, Asturias, Estremadura así como de Galicia, son xa habituais de Xantar.

Toda a información do encontro e do paquete especial está dispoñible na web de Xantar www.xantar.org e na páxina de Facebook do salón.

Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense)