Pontevedra acollerá a sinatura do convenio de Cidades Romanas do Atlántico

Pontevedra foi a cidade escollida para levar a cabo a firma do convenio da posta en marcha da Rede de Cidades Romanas do Atlántico. O encontro, ao que asistirán todas as localidades que se vaian adherindo a esta rede, celebrarase entre os meses de maio e
xuño na cidade do Lérez, aínda que non foi fixada unha data concreta.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo en
Madrid para asistir á firma do protocolo de actuación para a creación desta rede de cidades e, durante a xuntanza, o rexedor pontevedrés propuxo invitar tamén ás cidades galegas de A Coruña e Lugo para que formen parte deste proxecto, que ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio romano e promocionar a Roma Atlántica a través de diferentes iniciativas. O alcalde considera que resulta importante a súa incorporación á rede polo patrimonio do que dispoñen e pola súa situación atlántica.

No encontro celebrado en Madrid participaron, ademais do alcalde de Pontevedra, o rexedor de Irún, e representantes de Xixón, Zaragoza, Sevilla, Santarem, Braga, Lisboa e a cidade francesa de Dax. O alcalde da localidade de York, en Reino Unido, non puido asistir ao acto, pero tamén amosou o seu interese en formar parte deste interesante grupo.

Representantes de todas as cidades nomeadas, e das que se vaian incorporando á rede nos próximos meses, estarán en Pontevedra para a firma do acordo que unirá definitivamente a todas as localidades na Rede de Cidades Romanas do Atlántico.
Gabinete de Comunicación do Concello de Pontevedra