Colectivos culturais constitúen unha plataforma de defensa do Camiño Primitivo

Varios colectivos, asociacións e institucións relacionados coa defensa da cultura, do patrimonio e do medio ambiente galego reuníronse en Lugo para debater sobre a actual situación de abandono do Camiño Primitivo e para promover actuacións que busquen a súa defensa das agresións que actualmente sufre. O principal acordo adoptado nesta reunión foi o de constituír unha Plataforma ou agrupación de colectivos que teña a finalidade de instar ao goberno da Xunta a que se finalicen canto antes os trámites da declaración do Camiño Primitivo como Ben de Interese Cultural ou BIC, iniciados xa hai varios anos. Estes colectivos cren que debe ser o ano 2010 no que se conquira esa protección por varios motivos: porque a tramitación da declaración como BIC está a sufrir un retraso inusitado; porque neste Ano Xacobeo recobran un especial interese e dedicación as vías históricas, agás o Camiño Primitivo; e porque actualmente a vía primitiva está baixo o total desleixo, innumerables ameazas, presións e agresións que son desatendidas pola Administración.

Unha das principais funcións da devandita Plataforma vai ser a de demandar información á Xunta sobre o estado actual do trámite da declaración do Camiño Primitivo como BIC e instar á mesma e aos grupos políticos a que introduzan esta cuestión no debate parlamentario e a que resolvan este asunto no presente ano. Por outra banda, a anunciada plataforma terá como obxectivo chamar a atención das entidades locais, ou concellos polos que pasa o Camiño Primitivo, sobre as súas obrigas como vixiantes e protectores da vía histórica, hoxe totalmente esquecida e obviada nos plans de ordenación municipal e nas actuacións municipais de carácter público. En concreto, instarán ao Concello de Lugo para que a Conmemoración da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade “Lugo10” sirva como instrumento para recuperar o valor histórico-cultural do Camiño Primitivo ligado á Muralla Romana.

Outra das función da plataforma, aínda á agarda dun nome oficial, será a de facer pública a situación de desprotección, abandono e ameaza na que está o Camiño Primitivo, xunto coa colaboración de colectivos asturianos que teñen tamén as mesmas inquedanzas.

Os colectivos que polo de agora integrarían esta plataforma, aberta a acoller outras entidades ou persoas interesadas, son: ADEGA, a Asociación en defensa do Parque de Rosalía, a Comisión de Cultura da delegación do Colexio de Arquitectos en Lugo, a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, os Viandantes do Camiño Primitivo, LugoPatrimonio, Amigos do Patrimonio de Castroverde, a Plataforma en defensa do Alto Ulla, o GDR4-Terras de Lugo, a Asociación Galego do Camiño de Santiago, Amigos do Camiño Primitivo, o Museo comarcal da Fonsagrada, e persoas a título individual que están ligadas dalgún xeito a esta vía histórica.
Gabinete de Comunicación de Adega