Economía e Industria achega un millón de euros a proxectos innovadores relacionados co Xacobeo 2010 |
A Consellería de Economía e Industria vén de resolver axudas por valor de un millón de euros para proxectos levados a cabo por empresas galegas co obxectivo de desenvolver produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores en relación co Xacobeo 2010. En total, subvenciónanse dez accións recollidas na edición do Diario Oficial de Galicia (DOG) de 28 de decembro de 2009.O financiamento achegado por Economía e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+I céntrase nas iniciativas orientadas a darlle soporte aos turistas, peregrinos e público en xeral relacionado coa celebración do Ano Santo mediante as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC). Os servizos de alto valor engadido como son as aplicacións baseadas en dispositivos móbiles para localización ou xeorreferenciación e as ferramentas baseadas na internet participativa ou web 2.0, tales como as redes sociais, son o eixe dalgúns dos proxectos aprobados. Outros dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder as axudas foi a innovación tecnolóxica relacionada coa creación de contidos e plataformas virtuais especificamente vinculados á promoción do Xacobeo 2010 e á posta en valor do patrimonio artístico, histórico e cultural.
Asemade, contan con apoio económico os proxectos relacionados coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010; as actuacións que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración, inventario e estudo dos elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Ano Santo; e aqueles proxectos que, con base nas TIC, permitirán darlle pulo á innovación e á mellora da competitividade e da calidade da oferta turística relacionada co Xacobeo: a promoción dixital do sector, a mellora das relacións cos clientes, o incremento da oferta de servizos e a diferenciación, etc.
Innovación na tradición
O Goberno galego está a acumular esforzos para aproveitar a oportunidade que supón o Xacobeo 2010 para Galicia. Máis alá do fito relixioso e turístico, a Xunta contempla a celebración do Ano Santo como unha oportunidade para impulsar o desenvolvemento económico, facendo énfase na innovación tecnolóxica promovida polo tecido empresarial galego.
Por iso, desde a Consellería de Economía e Industria se puxo en marcha esta convocatoria extraordinaria de axudas, destinada a fomentar proxectos que, co Xacobeo como punto de partida, contribúan ao obxectivo a longo prazo de cimentar o crecemento socioeconómico de Galicia no desenvolvemento das súas capacidades científico-tecnolóxicas, en especial as promovidas polo tecido produtivo. Por este motivo, esta liña de axudas está enmarcada no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+I.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia



