Xacobeo e Sónar 2010 confirman a actuación de Air e de LCD Soundsystem

Xacobeo 2010 e o Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia veñen de facer públicos os nomes dos dous cabezas de cartel para a edición que se celebrará de forma simultánea en Barcelona e A Coruña entre o 17 e o 19 de xuño. Sónar 2010 presenta ao dúo francés “Air” e a banda neoiorquina “LCD Soundsystem”, dous nomes de primeiro nivel que están contribuíndo a redefinir as relacións entre o pop, o rock e a música electrónica ao longo desta última década.

Sónar 2010 comunica as actuacións estrela do cartel logo de pór a venda as diferentes modalidades de entradas para Sónar Barcelona cun prezo especial e reducido ata o 31 de xaneiro de 2010. Proximamente, informarase sobre a venda de entradas para o Sónar Galicia, que posuirán características e prezos similares aos da edición catalá. A banda de disco-punk neoiorquina achegará a Galicia o seu espectáculo o xoves 17 de xuño, namentres que “Air”, actuará en A Coruña o sábado 19.

AIR, savoir-faire atmosférico

“Air” presentarán en Sónar 2010 o seu extenso repertorio de éxitos e o seu flamante novo álbum "Love 2" (Virgin, 2009), un disco que prosegue a liña marcada polo dúo francés no seu xa clásico "Moon Safari" (1998): a fusión do pop proto-futurista dos anos sesenta e setenta con elementos diversos extraídos da psicodelia, a música lounge e as bandas sonoras de filmes europeos underground.

"Love 2" é a continuación lóxica dos anteriores "Talkie walkie" (2004) e "Pocket symphony" (2007), coleccións de miniaturas synth-pop de elaboración coidadosa, delicadas, e co elemento melódico envolvente que seduciu ao longo dos anos a un público heteroxéneo. Coa gran novidade de que este é o primeiro albume no que os parisinos Jean-Benoît Dunckel e Nicolas Godin non contan con ningunha colaboración externa -vocalistas, pianistas, lendas da música electrónica francesa, etc.- sendo, por tanto, unha obra completamente auto-producida e o máis persoal.

LCD Soundsystem, disco-punk neoiorquino

LCD Soundsystem aportarán o seu exquisito son disco-punk ao escenario principal de Sónar de Noite, tanto en Barcelona como A Coruña. A banda de Nova Iorque liderada polo carismático James Murphy, que ten previsto editar o seu terceiro albume durante o primeiro semestre de 2010, está actualmente enfrascada nun estudio de Los Ángeles na delicada gravación do disco que tomará o relevo a "Sound of Silver" (DFA, 2007).

Este traballo constitúe unha referencia esencial para comprender fenómenos musicais recentes como a reactivación da música disco mutante e o post-punk dos anos 80, o diálogo en plano de igualdade entre bandas de rock e DJs, e o renovado reinado de Nova Iorque como motor da modernidade, integrando nun mesmo discurso referencias por igual a Joy Division, Kraftwerk, Brian Eno, Larry Levan, el krautrock o Suicide. Unha versión de "Bye bye Bajou" de Alan Vega, vocalista de Suicide, é precisamente o último material que publicou por agora James Murphy nun vinilo exclusivo e limitado que ten que funcionar como anticipo do álbum completo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia