Galicia, galardoada pola revista Viaxes e Turismo como mellor oferta turística nacional

Galicia foi galardoada co distintivo de mellor oferta nacional e completo destino turístico mirando cara ao Ano Xacobeo nunha gala organizada pola publicación Viajes y Turismo en Madrid. O evento, ao que asistiron representantes de prensa especilizada e membros do sector turístico de todo o ámbito nacional, ten por obxecto distinguir aos destinos internacionais e nacionais polas súas iniciativas innovadoras, pioneiras ou en prol do desenvolvemento turístico, así como aos medios de comunicación que se distinguen por pór en marcha espazos destinados ao entretemento, á cultura ou á divulgación de información turística especializada.

A oferta turística galega foi premiada dentro da sección nacional dedicada a organismos, institucións e empresas vinculadas co eido turístico. Xunto con Galicia, nesa sección recibiron o galardón de mellor oferta autonómica Ciudad Real, pola súa historia, tradición e tipismo para o viaxeiro; de mellor oferta municipal El Puerto de la Cruz, polo seu turismo de calidade á sombra do Teide; de mellor oferta cultural municipal a aldea de San Nicolás de Tolentino en Gran Canaria, pola súa orixinal oferta turística con participación cidadá; galardón de mellor tradición gastronómica a Taberna de Buenaventura, pola súa cociña típica onde triúnfa o cocido madrileño; ao mellor produto gastronómico, o D.O. Jamón de Teruel, por 25 anos ofrecendo calidade incomparable; ao turismo de natureza á comarca Entreparques de Castilla-La Mancha pola súa conservación e disfrute da natureza; ao mellor oferta de ocio e cultura ao Parque das Ciencias de Granada, por ser moito máis que un museo para o viaxeiro; á mellor oferta musical á Orquestra Filarmónica de Gran Canaria, pola súa tarefa de divulgación e promoción da música; e máis á mellor compañía Aérea a Air Nostrum, pola súa máxima atención ao cliente no transporte aéreo.

Xa dentro do apartado internacional o galardón ao mellor destino turístico foi para a India. O galardón para o mellor destino por descubrir foi para a rexión de Campania en Italia. O premio para o turismo monumental fi para a rexión de Malopolska en Polonia e o premio para a mellor oferta de natureza foi para Madeira. Dentro do eido internacional a mellor compañía aérea foi Air Berlín por dar a coñecer destinos europeos dende España.

No tocante ao apartado de produtos, profesionais e servizos foron galardoados o aceite de oliva de Andalucía; o AVE como medio de transporte moderno para viaxar por España e a compañía Naviera-Acciona-Transmediterránea; o mellor viño foi o Ribera del Duero Anta Selección a16, das adegas Anta Banderas. Adolfo Muñoz, do Grupo Adolfo, foi o profesional galardoado pola súa experiencia e tipismo na hostelería de Castilla-La Mancha e José Luís Ruíz, do grupo José Luís por unha vida dedicada á gastronomía.

Os medios e programas de comunicación premiados nesta edición pola Revista Viajes y Turismo foron Libertad de Expresión (programa de Arturo González en TV4); Milguel de la Cuadra por ser o mellor divulgador de viaxe; Luís García Berlanga, por ser un gran creador cinematográfico español, María José Alfonso en Teatro e o programa El Hormiguero de Cuatro en TV; tamén se premiou o diario Público e o programa Ser Consumidores da SER en Radio. O galardón á mellor publicación viaxeira foi para Anaya Touring Club ola calidade e orixinalidade das súas guías de viaxes.

Premio especial

Houbo na gala de Viajes y Turismo unha categoría dedicada aos premios especiais. Pascual Rovira recibiu o premio Honoris Causa pola creación da Fundación en Defensa do Burro.

O evento, incluíu a visita a un salón cunha Mostra Nacional de Gastronomía e o acto estivo presentado pola cupletóloga Olga María Ramos, que tamén actuou ao final da gala de entrega de premios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia