A Xunta achega o espírito do Xacobeo 2010 a Xapón e Corea

O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiu na cidade xaponesa de Wakayama ao Foro do V aniversario da inclusión do Kumano Kodo –camiño antigo Kumano- no rexistro de Patrimonios da Humanidade da Unesco co obxectivo de consolidar e aferrar o irmandamento entre os dous camiños existente desde 1998.

A realización deste Foro con motivo da catalogación do Kumano Kodo como Patrimonio da Humanidade en 2004, estableceu como prioridade a comparación e o intercambio de coñecementos e experiencias entre os responsables dos Camiños –Camiño antigo xaponés e Camiño de Santiago- tanto na xestión dos camiños de peregrinación como na maneira de promovelos. Con esta iniciativa, Ignacio Santos afianza un irmandamento que perdura desde xa 11 anos, cando Manuel Fraga e o ex gobernador de Wakayama Sr. Nishiguchi firmaron a confraternidade.

Con anterioridade ao acto protocolario, Ignacio Santos visitou algúns dos lugares sagrados e rutas de peregrinación dos montes Kii, que conforman unha parte importante do Kumano Kodo, así como o centro Patrimonio da Humanidade de Hongu, na cidade de Tanabe, onde pódese contemplar unha sección dedicada ao irmandamento entre o Kumano Kodo e o Camiño de Santiago.

Ao Foro, que congregou máis de 200 persoas entre representantes de organizacións de fomento rexional, grupos de guías turísticas e numerosos expertos en Patrimonio da Humanidade, asistiron tamén o Gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, o Vicesupeior do Templo Budista de Seigantoji, Ryoei Takagi, o profesor da Universidade de Koyasan, Kazuo Yamakage e o embaixador de Xapón en España.

Como colofón á expedición asiática, o xerente do Xacobeo 2010, reuniuse co manager de promoción da Oficina Española de Turismo en Tokyo, Tae Mito, para planificar as estratexias de promoción do Xacobeo 2010 por toda a superficie de Xapón e Corea, no que asoma como un mercado emerxente de captación turística.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia