A UIMP promove o curso Patrimonio e Turismo

Un ano máis Mario Crecente está a dirixir un curso de verán no marco da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) baixo o título de
“Patrimonio e Turismo: a Xestión. Problemática, Retos e Oportunidades” que se celebra os días 23, 24 e 25 de setembro de 2009 no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este pecha un ciclo de tres cursos celebrados en Celanova (2007), Guitiriz (2008) e este ano en Santiago de Compostela.

Con este pechamos o ciclo dedicado a analizar con sentido crítico e esperanzado, as relacións entre Patrimonio e Turismo, desde unha Galicia ás portas dun novo Xacobeo, no próximo ano 2010. Para este curso propoñemos un estudo comparado de tres casos singulares do panorama internacional, como son o Santuario Histórico de Machupicchu e o Camiño Inca, a Semana Santa Sevillana, e o Camiño de Santiago. Trátase de analizar cada un deles desde a triple óptica da conservación do Patrimonio, da promoción turística e das empresas que xestionan estes recursos, cun complemento de reflexións xerais desde os organismo de
referencia como son a Organización Mundial do Turismo, ou a UNESCO.

Ademais nun momento de grave crise económica mundial como a que sufrimos, pensamos que as reflexións deste curso deberan propoñer outras vías de desenvolvemento, diferentes á construción e as
infraestructuras, e nas que patrimonio e turismo teñen, ó noso xuízo moito que aportar.
Mario Crecente