Tres novos albergues para peregrinos no Camiño Inglés

Neste sentido, o conselleiro Roberto Varela confirmou que a posta en marcha de tres novos albergues en Betanzos, Oroso e Carral será un obxectivo prioritario do seu departamento de cara a conseguir que o Camiño Inglés duplique a súa capacidade de aloxamento para peregrinos. O compromiso da Consellería de Cultura e Turismo é o de impulsar a súa construción e axilizar os trámites para pasar dos tres albergues actuais a dispoñer dun total de seis nesta ruta xacobea. No caso do albergue de Betanzos, as obras poderán iniciarse a curto prazo despois de obter a licenza correspondente para a rehabilitación con esta finalidade da Casa da Pescadería, situada no casco histórico, que contará cun total de 36 prazas. Do mesmo xeito, existe xa acordo plenario do Concello de Oroso para a construción dun albergue para peregrinos en Sigüeiro.

Entre as actuacións previstas, a Consellería de Cultura e Turismo contempla asemade o aproveitamento como albergue da Reitoral de Poulo. Para acadar este obxectivo, é preciso avanzar nas negociacións entre o concello de Ordes e o Arcebispado de Santiago para a cesión do edificio.

Plan Corrector

A reunión de traballo enmárcase dentro da serie de encontros informativos que os máximos responsables da Consellería de Cultura e Turismo veñen mantendo cos alcaldes dos concellos polos que pasan os Camiños de Santiago. Despois da consulta escrita aos responsables municipais sobre as necesidades e deficiencias dos tramos da súa área de influencia, ábrese agora un novo período de suxestións para redactar a segunda fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago.

Tras a aprobación no Consello da Xunta o pasado 27 de xullo da primeira parte do Plan, referida aos Camiños Francés, Portugués e Fisterra-Muxía cun investimento próximo aos 5,8 millóns de euros, a previsión da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo, é a de presentar esta segunda fase a principios do mes de outubro. Neste documento especificaranse as accións e intervencións no Camiño Inglés referidas á rehabilitación e ampliación da rede de albergues, á recuperación e conservación do medio físico, á sinalización da ruta e as tarefas de limpeza e roza. Neste último caso, os labores serán xestionados polos propios Concellos que recibirán para sufragalos un total de 400 euros por kilómetro.

Promoción dos Camiños

Durante a reunión cos alcaldes dos concellos, a presidenta do Consorcio do Camiño Inglés, a alcaldesa de Betanzos María Dolores Faraldo, deu traslado das necesidades específicas respecto á reparación, conservación física, sinalización, xestión dos albergues e promoción desta ruta. Neste sentido, o conselleiro recordou que a Consellería de Cultura e Turismo fará especial énfase na promoción e posta en valor de todos os Camiños de Santiago, ademais do Camiño Francés, de cara a que todas as rutas xacobeas aproveiten o impacto do Xacobeo 2010.
Consellería de Cultura e Turismo