A Xunta asina con Augas de Mondariz o primeiro patrocinio do Xacobeo 2010

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, e o director xeral de Aguas de Mondariz Fuente del Val S.A., Javier Rodríguez Losada, subscribiron no Balneario de Mondariz o primeiro acordo de colaboración para o patrocinio do proxecto Xacobeo 2010. Mediante a sinatura deste acordo, que será ratificado no contrato de patrocinio entre a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e Aguas de Modariz Fuente del Val S.A., regulase e certifícase a vontade de colaboración de ambas entidades para a realización, promoción e difusión do proxecto cultural e de ocio deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo para atraer a atención nacional e internacional sobre Galicia no próximo Ano Santo 2010.

En virtude do acordo, Aguas de Mondariz Fuente del Val S.A. destinará a cantidade de 500.000 euros ao patrocinio do Xacobeo 2010 e colaborará coa Consellería de Cultura e Turismo na elaboración dun proxecto de comunicación específico para determinar a tipoloxía e cronoloxía das actividades e accións de promoción da imaxe e contidos do evento durante os anos 2009-2010. A difusión do Xacobeo 2010 realizarase a través dos distintos soportes utilizados nas campañas de publicidade e promoción de Aguas de Mondariz Fuente del Val S.A.: botellas vidro, botellas PET, caixas plástico, caixas cartón, etiquetas papel, etiquetas plástico, publicidade gráfica/PLV, publicidade/merchandising, papelería corporativa e packs retráctil.

A Xunta de Galicia comprométese, pola súa banda, a incluír o logotipo da empresa patrocinadora en todo o material promocional xenérico do Xacobeo 2010. Con este acordo de patrocinio, Aguas de Mondariz Fuente del Val S.A. poderá obter os beneficios fiscais determinados para as empresas colaboradoras co Xacobeo 2010 nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009.

Éxito histórico

Tras o acto de sinatura, o conselleiro Roberto Varela agradeceu a colaboración de Aguas de Mondariz Fuente del Val para “consolidar un evento transcendental para Galicia, chamado a acadar un éxito histórico”. Neste sentido, asegurou que a Consellería de Cultura e Turismo traballa para “involucrar a todos os axentes sociais e económicos no deseño e aplicación dun programa extenso e intenso” para o Xacobeo 2010.

O titular de Cultura e Turismo avanzou que a programación do Ano Santo concentrará acontecementos culturais “de primeira magnitude” en toda a Comunidade Autónoma, tanto en Santiago de Compostela como nas restantes cidades, vilas e pobos máis importantes. “Queremos facer partícipes a todos os galegos dende o primeiro día e por iso traballamos nun Xacobeo descentralizado e desestacionalizado, temos que aproveitar a oportunidade que se presenta ante nós e traducilo no mellor resultado económica posible”, subliñou.

Roberto Varela garantiu ademais a presenza “de relevantes persoeiros e figuras de relevancia nacional e internacional”. Segundo o conselleiro, “conseguiremos que todas as olladas estean postas en Galicia e, por iso, o noso esforzo centrarase en conseguir a maior difusión posible, coa maior amplitude e intensidade ao noso alcance”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia