Primeira fase dun plan corrector de deficiencias dos Camiños de Santiago

A Secretaría Xeral para o Turismo, dirixida por Carmen Pardo López, comezou un procedemento de recollida de información a través dunha consulta escrita sobre as deficiencias e necesidades de mellora das infraestruturas xacobeas. O obxectivo desta consulta, dirixida aos hostaleiros do Camiño, a través das Asociacións de Hostalería; aos concellos polos que discorren as rutas xacobeas; e mais ás Asociacións de Amigos dos Camiños de Santiago; é a elaboración dun plan corrector das deficiencias e necesidades que presentan as Rutas Xacobeas.

A Consellería de Cultura e Turismo pretende así ter en conta a opinión dos sectores, organizacións e axentes sociais implicados na conservación e mellora da ruta, así como na súa difusión e promoción, de cara a establecer unha colaboración estreita e duradeira e tratar, deste xeito, de solventar as posibles carencias e déficits das infraestruturas e servizos de cara ao Ano Santo. Con todo, a medida pasa por establecer unha colaboración máis duradeira, máis aló do Xacobeo 2010 de xeito que este intercambio de información se consolide e axude a establecer unha mellora continua e a xestionar eficazmente os recursos. É por isto que os axentes consultados terán que remitir as súas suxerencias e informes antes do día 18 de xuño para que a Secretaría Xeral de Turismo elabore con estas aportacións e mais as auditorías que se encargaron un Plan Corrector de cara á súa aplicación no último semestre do ano. Con esta medida preténdese corrixir as deficiencias e incrementar a calidade do servizo aos peregrinos, tanto nos albergues como nos aloxamentos privados e aumentar con isto o grao de satisfacción dos que nos visitan.

Plan Corrector dos Camiños de Santiago

Os concellos polos que pasan os Camiños de Santiago, os hostaleiros –a través dos seus entes asociativos- que posúen negocios de aloxamento ou restauración ao longo das vías xacobeas, e mais os integrantes das Asociacións de Amigos dos Camiños de Santiago que realizan unha importante labor de promoción e conservación das rutas poderán comunicar ao xestor administrativo competente as súas inquedanzas e observacións relacionadas cos albergues, os servizos, o patrimonio arquitectónico ou natural, as rutas, a sinalización ou os servizos. Así mesmo, propónselles aos axentes consultados que aporten as solucións que consideren convenientes aos problemas que plantexan. Toda a información recompilada utilizarase na elaboración dun documento de ruta para a rehabilitación, conservación e difusión do patrimonio xacobeo que se materializará nun Plan Corrector. Está previsto que o devandito plan se execute no último semestre deste ano.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia