A Cátedra do Camiño da USC impulsa 'Rede Xacobea', a base de datos da peregrinación a Compostela

O principal obxectivo de ‘Rede Xacobea’ é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, divulgadores e docentes co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos. “Deste xeito, preténdese consolidar a creación dunha rede xacobea mundial a partir da cal crear sinerxías e revitalizar os estudos sobre o Camiño de Santiago, incentivando a organización de actividades académicas, proxectos de investigación, congresos e encontros internacionais, impulsar publicacións científicas e de divulgación, así como mellorar a actividade docente”, apuntan dende esta cátedra institucional da USC.

“Dende a súa publicación en xaneiro de 2021 na web da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, ‘Rede Xacobea’ converteuse nun referente tanto para investigadores como para particulares e empresas interesadas no Camiño de Santiago”, explica o director da Cátedra, Miguel Taín. Este verán foi renovada con novos datos sobre centros de investigación, investigadores e revistas do eido xacobeo.

‘Rede Xacobea’ aspira a ser unha ferramenta viva e aberta. Por iso, todos os actores involucrados nos estudos xacobeos están convidados a participar no seu bo funcionamento achegando datos actualizados acerca da información recompilada, ou solicitando a inclusión de novas entradas a través do correo electrónico catedra.caminodesantiago@usc.es

Paula Pita Galán, creadora de ‘Rede Xacobea’, é doutora en Historia da arte pola USC, con mención internacional e Premio Extraordinario de Doutoramento. O seu principal campo de investigación oriéntase cara á arquitectura e o urbanismo da Idade Moderna pero durante anos desenvolveu tarefas de formación e divulgación relacionadas co Camiño de Santiago. Dende 2007 é secretaria do curso de verán da USC ‘Leccións Xacobeas Internacionais’ e dende 2008 colabora como docente en Cursos Internacionais da USC, participando de maneira asidua nos cursos de español e camiño de Santiago. Formou parte de varios proxectos de investigación e en 2020 recibiu unha bolsa Ruth Lee Kennedy da Fundación Fulbright para estudar a figura da historiadora da arte e peregrina americana Georgiana Goddard King.
Universidade de Santiago de Compostela