Máis de 1.300 establecementos galegos súmanse á rede de comercios no Camiño

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade lucense de Sarria diferentes establecementos que participan na Rede de Comercios e Mercados no Camiño, á que se sumaron máis de 1.300 establecementos de toda Galicia, dos cales 295 están na provincia de Lugo.

O obxectivo deste proxecto, ao que tamén se adheriron 16 prazas de abastos, é potenciar as vendas do comercio de proximidade nos concellos polos que transcorren as rutas xacobeas, ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos.

Os negocios participantes poderán beneficiarse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo en torno á Rede para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local.

Conde apuntou que igual que se traballa para garantir a seguridade no Camiño, o comercio galego traballa para transmitir a máxima confianza a clientes e consumidores. Para iso, teñen á súa disposición programas como o Reactiva, para a transformación dos seus establecementos; ou a plataforma de autoavaliación Comercio Seguro. A estas iniciativas súmanse diferentes axudas en ámbitos como a dixitalización ou o apoio aos autónomos.
Rede de Comercios no Camiño