O ciclo 'Cultura no Camiño' remata esta fin de semana coas últimas 12 actuacións das 340 programadas en 2018 |

A actividade do sábado arrancará coa montaxe para público familiar Zapatos de Caramuxo Teatro na Guarda (18,00 h. no Centro Cultural) e incluirá outras catro propostas: Ahora, do Mago Rafa, na Couña (19,00 h. no Fórum Metropolitano); Maxia pola igualdade, de Fani Triana Ilusionista, en Catoira (19,30 h. no Auditorio Municipal); Os mellores monólogos, de Carlos Blanco, en Lourenzá (20,30 h. na Casa da Cultura); e Fillos do Sol, de Contraproducións, en Silleda (21,00 h. no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira).
O domingo terán lugar as últimas catro citas de Cultura no Camiño 2018, que chega á súa fin cos espectáculos Roedores, de Redrum Teatro, en Boqueixón (18,00 h. na Casa da Cultura de Camporrapado) e Os fabulosos Cleaners de Malasombra Producións en Caldas de Reis (18,30 h. no Auditorio Municipal), mais os concertos de Magín Blanco en Neda (18,30 h. na Casa da Cultura) e Treixadura en Valga (19,00 h. no Auditorio Municipal).
Máis de 140 compañías en cartel
Esta sexta edición do ciclo mantivo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional. De feito, este ano foron 142 as formacións artísticas en cartel, cifra moi superior á das 56 compañías coas que esta iniciativa se puxo en marcha en 2013.
A programación desenvolveuse nos meses centrais do ano para coincidir co período de maior auxe das peregrinacións e, deste xeito, contribuír tamén a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. Para conseguilo, Cultura no Camiño contou en 2018 cun investimento de 570.600 euros, asumido pola Xunta de Galicia e mais os concellos participantes, que costean parte dos cachés artísticos.
O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.
Cultura no Camiño