O Camiño de Santiago reforza a seguridade dos peregrinos na Semana Santa cun novo dispositivo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiron en Pedrafita do Cebreiro á presentación do novo dispositivo especial de seguridade que porá en marcha o Goberno de España para reforzar a vixilancia do Camiño de Santiago durante esta Semana Santa.

Como explicou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o dispositivo estará composto por motoristas da agrupación da Garda Civil de Tráfico e do Seprona, así como por cabalos do Escuadrón de Cabalería e axentes da Garda Civil de Seguridade Cidadá. A través do Plan de Seguridade Xacobea 2018 reforzarase a presenza das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado intensificando os servizos de seguridade e atención cidadá en todos os itinerarios que compoñen o Camiño de Santiago en beneficio tanto das persoas que as recorren como dos bens do Patrimonio Histórico e Cultural.

Nos labores de seguridade participa activamente a Policía Autonómica que desprega patrullas nos camiños de Santiago na longo de todo ano, con especial atención ao Camiño Francés e que, se reforza considerablemente en anos xacobeos, nos que que incrementa a presenza de visitantes. O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais.

Colaboración entre administracións

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para sumar medios no obxectivo conxunto de garantir a seguridade dos peregrinos, especialmente en puntos máis vulnerables. Como recordou, desde a Xunta de Galicia trabállase por esta seguridade de maneira permanente, con accións paralelas en distintos ámbitos.

Así se está a facer a través do Plan Director do Camiño de Santiago, o documento co que desde 2015 o Goberno autonómico resposta ás necesidades actuais da ruta e dos peregrinos, que cada ano son máis e chegan dun maior número de países. A ruta xacobea superou en 2017 por primeira vez a barreira dos 300.000 peregrinos e está demostrando estar máis diversificado que nunca nos seus nove itinerarios por terra e tamén máis internacionalizado, chegando a acoller peregrinos de máis de 179 nacionalidades. No que vai de ano, a cifra global supera os 8.900 peregrinos, chegados de ata 89 países.

Nava Castro tamén puxo en valor a sensibilidade do Goberno galego nesta materia, apoiando iniciativas como a campaña Peregrina seguro que realiza conxuntamente a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e a Asociación Stop Accidentes coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O Plan director do Camiño de Santiago inclúe diversas actuacións de sinalización e acondicionamento dos diferentes trazados e contén numerosas medidas relacionadas coa seguridade viaria. Debido á importancia que estes aspectos teñen na xestión do Camiño de Santiago, no ámbito da Comisión da Seguridade Viaria dos Camiños na que participa a Administración autonómica trasladouse a conveniencia de poder incluír ao Ministerio de Interior no Consejo Jacobeo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia