Galicia promove na ITB de Berlín o potencial do Camiño de Santiago e os recursos naturais e enogastronómicos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por unha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao sector turístico galego encabezan a comitiva participante na feira internacional ITB de Berlín, unha das tres máis importantes do mundo, onde se está a promover a oferta e as experiencias turísticas que brinda Galicia aos viaxeiros alemáns, o segundo mercado internacional máis importante en Galicia.

A presenza de Nava Castro hoxe na feira inclúe unha axenda de traballo con encontros con representantes do sector profesional, tanto dos que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a nosa Comunidade entre a súa oferta, así como con autoridades turísticas doutros países como Xordania para establecer vínculos especialmente no eido do turismo relixioso e o Camiño de Santiago, coa peregrinación como marco.

A Comunidade galega está presente cun espazo singular con tres mostradores e unha zona de traballo para profesionais a fin de establecer relacións comerciais con operadores, axentes e empresas turísticas de Alemaña, un público especialmente interesado pola natureza galega, o litoral, a enogastronomía, as tradicións e o Camiño de Santiago.

O alemán é o segundo mercado internacional en Galicia e os datos revelan que o ano pasado obtivo uns dos seus mellores anos turísticos na Comunidade. Marcou máximos históricos, con máis de 260.000 noites nos establecementos regrados, o que supuxo un 5,6% máis que o ano anterior. Chegaron, ademais, máis de 160.000 viaxeiros alemáns que quixeron quedar máis días en Galicia, cunha subida da estadía media do 8,8%. No ámbito específico do Camiño de Santiago, consolidouse como o segundo internacional, só por detrás de Italia. Chegaron máis de 23.200 peregrinos, un 7,72% máis que o ano anterior.

Destino diversificado e atractivo todo o ano

Nesta 52ª edición da ITB de Berlín, Galicia presenta a oferta turística das catro provincias, combinando propostas de costa e interior, patrimonio natural e tamén cultural a través dos 10 produtos cabeceira de marca, entre os que destacan as iniciativas de turismo mariñeiro ou a Ruta da Camelia, que percorre 12 pazos e xardíns e que son de especial interese para o mercado alemán.

Como novidades, tamén están presentes algunhas das últimas experiencias turísticas como Escenarios ao volante, que permite percorrer Galicia a través de 25 rutas insólitas por estrada e 50 miradoiros imprescindibles; Galicia Surfing, con propostas de viaxe de ata 15 días para coñecer os recursos asociados ao mar e o surf ou o Club da Auga, que aglutina experiencias de turismo náutico e mariñeiro, termalismo e a travesía náutica xacobea.

Crecente internacionalización

Coa presenza de Galicia na ITB de Berlín, a Comunidade galega preséntase como destino completo e atractivo durante todo o ano cumprindo, ademais, cos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020. O documento incide na importancia da internacionalización para garantir un destino diversificado, sustentable e desestacionalizado. Por iso destina unha das súas once liñas estratéxicas en exclusiva a este capítulo, onde se incide no papel que a presenza en feiras sectoriais ten para, ademais de traballar con mercados emerxentes, consolidar os xa asentados na nosa Comunidade.

A ITB de Berlín conta este ano coa participación de máis de 10.000 empresas de 186 países que presentarán os seus produtos máis novos e as últimas tendencias do sector global. Este ano espérase unha afluencia de ata 100.000 profesionais e outros 10.000 visitantes máis durante a fin de semana, cando a feira se abre ao público xeral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia