Galicia prepara xa o Xacobeo 2021 para convertelo no mellor ano santo da historia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou en Fitur 2018 que Galicia prepara xa o Xacobeo 2021 co obxectivo de convertelo no mellor ano santo da historia cunha oferta única en paisaxes, patrimonio e lecer.

Así, aseverou que a Comunidade seguirá apostando por un turismo respectuoso e de calidade, que permita preservar o patrimonio e ofrecer a mellor atención ao visitante escorrentando a pantasma da turismofobia; por un turismo que non estea concentrado só en certas zonas e en certos momentos do ano; e por un turismo moderno e de experiencias, que axude ao visitante a descubrir o mellor da xeografía galega, impulsando produtos turísticos como Galicia surfing, un paquete de rutas polos mellores miradoiros de Galicia ou a Ruta dos Faros.

Nesta mesma liña, resaltou a posta en marcha este ano de “O son do Camiño”, un amplo programa de concertos que servirá como prólogo musical para o grande evento do turismo en Galicia. E lembrou que os que decidan visitar Galicia poden desfrutar das 11 estrelas Michelín e das 300 festas gastronómicas; dos seis parques naturais, ademais de lugares como a Praia das Catedrais; e dos seis bens Patrimonio da Humanidade e dos bens de interese cultural.

Así mesmo, resaltou os traballos que se están a levar a cabo para ampliar esta lista de bens recoñecidos pola Unesco, con dous candidaturas de primeiro nivel: a Ribeira Sacra, unha zona que conxuga unha natureza de vertixe coa maior concentración de igrexas e mosteiros románicos de Europa; e Cíes-Illas Atlánticas. “E os apaixonados da cultura e a Historia teñen en 2018 unha oportunidade de ouro para visitar Galicia: o Ano Europeo do Patrimonio Cultural; e o 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que esta aposta por un turismo tranquilo e de calidade ten como obxectivo converter Galicia nun fogar aberto para todo aquel que queira coñecela, que faga sentir os turistas como na casa nos 273 establecementos que contan coa Q de Calidade Turística, unha distinción na que Galicia é líder a nivel nacional; nos balnearios da provincia de Ourense, a segunda potencia termal de Europa; e en cada unha das etapas dos Camiños de Santiago que atravesan Galicia.

O responsable do Goberno galego concluíu recordando que, por primeira vez na historia, en 2017 chegaron a Santiago de Compostela máis de 300.000 peregrinos. Un máximo histórico piar doutro récord que, segundo todas as proxeccións, tamén se bateu o pasado ano: Galicia recibiu por primeira vez 5 millóns de turistas, que sumaron máis de 10 millóns de pernoitas.

Estas cifras proban que o turismo na Comunidade está crecendo especialmente en temporada baixa, sobe a estancia media e o turismo internacional segue avanzando con solidez.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia