Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago difunde en Sevilla os valores xacobeos

A cidade de Sevilla acolle ata o 28 de outubro a exposición itinerante Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago, unha mostra que está a percorrer con éxito varias cidades, onde está a pór en valor a esencia dos valores xacobeos a través da arte.

A mostra, organizada por Turismo de Galicia, é unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios a través dunha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente que foron tomadas nas últimas décadas. Expóñense imaxes tomadas desde finais dos anos 90 ata a actualidade, que dan mostra da hospitalidade de numerosos voluntarios en albergues e outros puntos do Camiño de Santiago.

A exposición deixa tamén patente o papel das asociacións de Amigos do Camiño e persoas individuais que enchen a Ruta Xacobea dun ambiente fraternal e solidario, difundindo a cultura e espiritualidade que conleva a experiencia do Camiño.

A exposición chega agora Sevilla despois de ter percorrido varias cidades con éxito de público. A mostra fora inaugurada en Santiago de Compostela con motivo da apertura do ano Xubilar da Misericordia e comezou despois unha extensa itinerancia en cidades galegas como Ourense, Mondoñedo, Tui, Samos e Ferrol. Tamén visitou varias igrexas e catedrais do ámbito internacional como Auckland, Durham e Exeter, en Reino Unido.

Durante este ano, e debido á súa grande acollida de público, amplía o seu periplo por España, presentándose en cidades como Almería, Carrión de los Condes, Guadix, Madrid, Málaga e agora, Sevilla, onde se inaugurou esta semana na antiga Fábrica de Tabacos, que alberga a facultade de Filoloxía e Xeografía e Historia da Universidade de Sevilla e que está incluída na ruta turística da cidade.

Ata finais de outubro

A inauguración da exposición en Sevilla, localidade pola que transcorre a Vía da Prata, enmarcouse, ademais, nos actos conmemorativos do 25 aniversario da Asociación de Amigos do Camiño de Sevilla e que contou coa conferencia do responsable de Cultura Xacobea do Xacobeo, Francisco Singul, que impartiu a conferencia O Camiño de Santiago, mentalidade e cultura dun feito histórico vivo.

Tras o seu paso por Sevilla –onde estará ata finais de mes- a exposición trasladarase en novembro á Royal Holloway University of London e posteriormente ao Auditorio Maestro Padilla, de Almería.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia