Cultura no Camiño 2016 remata logo de 360 actuacións en 99 concellos das rutas xacobeas galegas

A actividade escénica e musical do programa ‘Cultura no Camiño’ 2016 chega á súa fin con seis últimas funcións nos concellos de Culleredo, Fene, Oroso, Rianxo, San Cibrao das Viñas e Teo. Péchase así a cuarta edición desta iniciativa que, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia en colaboración cos municipios asociados, levou desde mediados de abril máis de 360 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo a 99 localidades das rutas xacobeas.

O programa contou, ademais, co patrocinio de Gadis para desenvolver esta extensa carteleira co obxectivo de contribuír á dinamización cultural dos concellos situados nas vías de peregrinación a Compostela: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Outra das prioridades de ‘Cultura no Camiño’ é ampliar as posibilidades de distribución das producións das compañías escénicas e grupos musicais galegos. Desta volta participaron neste circuíto 149 formacións de todos os estilos, cunha especial atención a aquelas propostas en espazos abertos e ao aire libre para chegar a un amplo número de cidadáns, pero tamén de visitantes e peregrinos.

Público infantil

Do mesmo xeito que vén sucedendo desde o inicio desta edición, no seu peche ten unha presenza destacada a oferta infantil nas súas diferentes disciplinas escénicas. Así, o programa previsto para mañá inclúe catro espectáculos de teatro, monicreques e maxia pensados para o público familiar: ‘Barriga Verde contra o estragapandeiro’, de Títeres Cascanueces (Edificio Polivalente de San Cibrao das Viñas, ás 18.00 h); ‘Carapuchiña Vermella’, de Educateatro Producións (Centro Sociocultural da Ramallosa, en Teo, ás 19.00 h), ‘Sherlock Holmes’, de Cayetano Lledó (Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culleredo, ás 19.30 h); e ‘O meu avó é mago’, de Mundo Mandarina (exterior da Piscina Municipal de Oroso, ás 19.30 h).

Esta última xornada de actividade complétase co concerto de Xardín Desordenado, ás 20.00 h na Casa da Cultura de Fene, e coa representación da montaxe ‘Dura Lex’, de Volta e Dálle Teatro, ás 20.30 h na praza Rafael Dieste de Rianxo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia