Turismo de Galicia convoca os Premios Camiño de Santiago 2016 con 75.000 euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se convocan os Premios Camiño de Santiago 2016 e apróbanse as bases reguladoras para a concesión dos mesmos, para os cales Turismo de Galicia achega un total de 75.000 euros.

Estes galardóns promoven a excelencia na atención ao peregrino e a axeitada xestión dos recursos ligados ao Camiño de Santiago mediante a distinción daquelas iniciativas públicas e privadas que se desenvolvan en Galicia e se destinen a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas xacobeas; a crear novos servizos aos peregrinos ou innovar e mellorar os existentes e a divulgar e promover o Camiño de Santiago, a cultura xacobea, o seu patrimonio e a súa conservación.

Poderán participar concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e áreas metropolitanas ou outras entidades locais de Galicia polos que discorra algunha ruta do Camiño de Santiago.

Concederanse un total de 8 distincións entre as catro categorías convocadas. Nas categorías primeira, segunda e terceira establécese, para cada unha, un primeiro premio de 15.000 euros e un segundo premio de 5.000 euros. Na cuarta categoría, achéganse 10.000 euros para a modalidade de investigación e 5.000 euros para traballos en centros educativos de primaria e secundaria.

O prazo de presentación de candidaturas para esta segunda edición destes premios de Turismo de Galicia é dun mes contado a partir de mañá -día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG-.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia