O IV Cultura no Camiño abrangue 369 actuacións escénicas e musicais en 99 concellos das rutas xacobeas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron en Santiago o novo calendario de actuacións de ‘Cultura no Camiño, que na súa cuarta edición amplía a 99 o número de municipios participantes e a 369 as funcións escénicas e concertos programados do 16 de abril ao 30 de setembro. A Xunta de Galicia volve contar coa colaboración dos concellos e co patrocinio de Gadis para a organización deste ciclo, que promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia co obxectivo de contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas na nosa Comunidade.

Durante a súa intervención o conselleiro salientou o éxito das tres edicións precedentes desta iniciativa, sinalándoa como un programa consolidado que desde o seu comezo practicamente triplicou o seu orzamento, as compañías participantes e as actuacións contratadas. Neste sentido o titular do departamento autonómico de Cultura salientou o esforzo e colaboración dos Concellos para sacar adiante esta programación e sinalou esta actuación como un exemplo dos froitos que dá o traballo colectivo e colaboración institucional, grazas ao que ‘Cultura no Camiño’ chegará a 1 de cada 3 municipios galegos.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo deste programa cultural é incentivar distribución de produtos culturais nos diferentes concellos vinculados ao Camiño de Santiago e facer chegar a cultura á cidadanía mediante eventos e actividades culturais. Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou que ‘Cultura no Camiño’ incrementará un ano máis a vertente cultural da experiencia única que supón facer o Camiño de Santiago.

Así mesmo, Nava Castro sinalou que esta iniciativa constitúe un claro caso de éxito da aposta da Xunta de Galicia por unha banda pola cooperación interadministrativa e por outra polo impulso e conservación da Ruta Xacobea. “Cultura no Camiño acompañará un ano máis aos miles de peregrinos e turistas que neste 2016 se decidan a visitar Galicia”, concluíu Nava Castro.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, participaron tamén neste acto, ao que asistiron así mesmo representantes dos municipios implicados, de Gadis e das formacións que figuran nesta carteleira, integrada por un total de 149 grupos musicais e compañías de teatro, danza, novo circo e maxia. A presentación tivo lugar no Museo das Peregrinacións, a carón da Catedral de Santiago e meta do Camiño, e nela tamén houbo lugar para unha pequena mostra desta programación da man de Pistacatro, cun fragmento do seu espectáculo ‘Impreuna’, e do cantautor compostelán Xosé Constenla, quen interpretou un par de temas de ‘Virada por avante’, o seu último disco.

Programa ambicioso e participativo

Na súa intervención, Román Rodríguez certificou que, despois de tres exitosas edicións, este “ambicioso e participativo” programa cultural é xa unha iniciativa consolidada xa que, desde a súa posta en marcha en 2013 no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

‘Cultura no Camiño’ conta este ano cun investimento de preto de 545.000 euros (fronte aos 146.521 euros de 2013) compartido pola Xunta de Galicia e os 99 concellos inscritos, que asumen unha parte dos cachés artísticos. Neste sentido, o conselleiro subliñou que este programa é un “bo exemplo dos froitos que dan o traballo colectivo e a colaboración institucional, sumando as administracións autonómica e locais, pero tamén creadores, compañías, xestores e programadores, nun ciclo pensado, deseñado e realizado por e para o público”.

En canto á distribución territorial da actividade, ‘Cultura no Camiño’ foi ampliando progresivamente o número de concellos implicados desde a súa primeira edición. Todos eles están situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Por provincias, 36 concellos coruñeses acollerán 132 actuacións; en Lugo, 24 concellos ofrecerán 92 espectáculos; 13 concellos de Ourense porán ao dispor do público 44 funcións; e en Pontevedra, 26 concellos programarán un total de 101 representacións.

Produción 100% galega

En palabras do conselleiro de Cultura e Educación, cúmprese así o obxectivo de deslocalizar a oferta cultural para procurar un desenvolvemento equilibrado no conxunto de Galicia. Ao tempo, incentívase a distribución de produtos culturais propios, “enriquecendo con representacións artísticas de calidade un dos espazos patrimoniais máis importantes non só de Galicia, senón de España e mesmo do conxunto do mundo: esa excepcional rede de itinerarios culturais que son os Camiños de Santiago”, engadiu.

De feito, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Lulavai, De Vacas, Radio Cos, Roi Casal, Rosa Cedrón, Uxía & Narf, Xoán Curiel, Peter Punk, Federico Pérez, Grupo Chévere, Caramuxo Teatro, Ghazafelhos, Os Sete magníficos + 1 ou Mago Teto, citando tan só algúns dos 149 grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Serán, en total, 164 representacións de teatro e danza, 93 actuacións musicais, 78 de maxia e 34 de novo circo.

O calendario de actuacións estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (agadic.gal/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (cultura.gal/gl/axenda).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia