De San Romao, con igrexa románica do século XII, parte o Camiño cara a Melide. Son 25 km dunha etapa doada coa que se entende remata o Camiño Primitivo, xa que Melide é un cruce de camiños, pero nós seguiremos a ruta a Compostela. Se o noso Camiño é o primeiro, hai que entender que os antigos peregrinos foron os que marcaron Camiño ás rutas que logo coincidiron con este trazado. Retomando o camiño en San Romao da Retorta Tamén románica (do século XII) é a igrexa de Santa Cruz da Retorta, cun crismón “trinitario” labrado no tímpano da porta norte, típico das zonas por onde pasan os Camiños a Compostela. Na portada principal hai un relevo de Cristo abenzoando, entre o sol e a lúa.
O peregrino podía seguir polo Burgo de Negral, en terras de Friol, onde houbo un hospital atendido polos freires de Ferreira de Pallares que daban ós peregrinos “lume, auga, vestido e limosna”. Logo está O Pacio, tamén de Friol. Pero a falla do albergue fai que o peregrino opte por pernoctar en Friol Pequenas aldeas onde atopamos Seixalbos, Xende, Ferreira… En Ponte Ferreira, no Concello de Palas de Rei, ademais da ponte romana, hai unha igrexa románica de finais do século XII, que pertenceu a Vilar de Donas.
O Camiño Primitivo, ó longo da súa historia, sempre se dirixiu en liña recta de Lugo a Melide, cruzando O Careón polo Hospital das Seixas, Santiago de Vilouriz, Vilamor e a aldea de Compostela. O desvío de Augas Santas a Palas de Rei, é un invento moderno, sen o máis mínimo rigor histórico.
De sempre Melide -que ten albergue de peregrinos- foi consciente do seu papel de punto de converxencia de camiños, e ó lado da igrexa do Espírito Santo (que foi convento franciscano), a praza central da Vila, chámase Praza dos Tres Camiños, porque aquí conflúen o Camiño Primitivo, o Camiño do Norte, e o Camiño Francés a Compostela. |
|||