7: La Mesa - Grandas de Salime

Desde La Mesa a Grandas de Salime hai só 16,5 km.
A orografía é complexa, pero así e todo o peregrino poderá - e deberá - recuperar forzas para o día seguinte poder acometer a última etapa asturiana e afrontar o difícil comezo do tramo galego.

Pasada La Mesa (con igrexa dedicada a Santa María Madalena, de finais do s. XVII), en Buspol – que tivo hospital de peregrinos, orixe do mesmo pobo- comeza a baixada cara a Grandas, cruzando sobre o salto construído en 1954 que sepultou o vello Salime. As paisaxes son impresionantes. En Grandas, houbo e hai unha barca para cruzar as augas do Navia.

grandas

Cóidase que a vila de Grandas de Salime xurdiu no século XII, por doazón do rei Fernando II, formándose ó longo do Camiño. En 1222, o privilexio do Rei Afonso IX tamén incluía a esta vila como paso para os peregrinos a Compostela.

grandas

A igrexa parroquial, do século XVIII, rematada no XIX co Pórtico, conserva a antiga portada románica incorporada ó edificio actual, e restos góticos e barrocos. Foi colexiata dependente de San Salvador de Oviedo ata o remate do século XVI.

Na antiga rectoral existe un moi interesante Museo Etnográfico.