A outra gran ruta do Camiño inglés parte da cidade que foi considerada “Cabeza, garda, chave e antemural do Reino de Galicia”,
A Coruña. Sábese que xa en 1434 entraron polo porto coruñés ó redor de tres mil peregrinos ingleses, e na cidade houbo os hospitais para peregrinos de Los Ángeles, Santa Catalina e San Andrés
31 Km.
O máis característico elemento identificador da Coruña é a chamada Torre de Hércules, faro romano do século II, restaurado na súa forma actual a finais do século XVIII polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini
Os peregrinos desembarcaban no porto do Parrote, tendo como primeiro destino
a Igrexa de Santiago, románica de comezos do século XIII, fundada polo rei Alfonso IX. A portada é gótica, do século XV, con imaxes de Santiago e San Xoán e magnífico rosetón. Diante desta igrexa reuníase o Concello da cidade.
Conserva A Coruña, como elementos máis importantes de arquitectura militar, restos das súas murallas dos séculos XVI e XVII, o Xardín de San Carlos, bastión que formou parte da Fortaleza Nova para a defensa da cidade, e o castelo de San Antón (antiga illa) que alberga o Museo histórico - arqueolóxico.
Da arquitectura relixiosa destacaremos a Colexiata de Santa María do Campo (dos séculos XII-XIII), na Cidade Vella, onde os peregrinos acudían para encomendarse ó Apóstolo ante a difícil ruta que ían acometer. Existía unha gran devoción pola Virxe do Portal, desta Colexiata.
E dos tempos modernos, destacaremos a Praza de María Pita e Casa Consistorial, de comezos do século XX, e as súas famosas Galerías, que mereceron para A Coruña o sobrenome da “cidade de cristal”.
Saíase da Coruña por Eiris, e os campos de Elviña, nos que tivo lugar a batalla entre os exércitos inglés e francés en 1809. En Elviña existe un monumental castro no que se conservan restos de murallas, vivendas e alxibe da época galaico-romana.
O Burgo foi señorío e porto dos Templarios. Conserva igrexa románica con tres ábsidas, dedicada ó apóstolo Santiago.
A ponte medieval do Burgo foi reconstruída a finais do pasado século.
Xa no concello de Cambre, igrexa románica de Santiago de Sigrás, reformada a comezos do século XVII. Houbo aquí en tempos un albergue de peregrinos.
Na capital municipal, igrexa de Santa María de Cambre, románica, do século XII, que formaba parte do Mosteiro fundado no século X, con orixinal deambulatorio tralo altar maior que permitía ós peregrinos unha maior proximidade para a oración. Ten tres naves e interesante fachada.
Pasamos polo Pazo de Anceis, do século XVII, cun cruceiro. E moi preto deixamos Carral, onde existe o monumento ós mártires que deron a súa vida en 1846 en defensa da liberdade.
No lugar de A Calle, parroquia de Sarandóns, unha placa colocada nun edificio do século XVI, recorda que en 1554 pasou por este lugar o rei Felipe II de España.
Desde Hospital de Bruma, os dous Camiños marchan unidos cara a Compostela.