24 km
A partir de Abadín, o Camiño discorre por A Terra Chá a través das parroquias de Castromaior e Goiriz
Cruzando o río Abadín, chégase a Castromayor cunha ponte medieval sobre o río Arnela en Ponterroxal. E sobre o río Batán, marcando o límite con Vilalba, en Martiñán, a Pontevella do século XVII.
Xa no concello de Vilalba, en Santiago de Goiriz, hai que admirar o magnífico traballo dos canteiros de Román no seu cemiterio parroquial.
Os remates en cruz dos seus nichos son auténticos traballos de escultor.
Á entrada de Vilalba, no polígono industrial, albergue de peregrinos, cunha capacidade de 48 prazas.
Hai en Vilalba un excelente museo arqueolóxico, con importantísimos achados relativos á prehistoria da comarca expostos de forma atractiva e asequible.
A xoia monumental da capital chairega é o castelo dos Andrade, do século XV, convertido en parador nacional de turismo cuxo núcleo nobre atópase na antiga torre da homenaxe.
Desde o alto contémplase unha magnífica panorámica dos arredores e compréndese a sensación de poder que sentirían os seus antigos posuidores, os condes vilalbeses.
Consérvanse, así mesmo, restos das antigas murallas da vila.
Entre os elementos que identifican esta terra, hai dous manxares que teñen festa e fama recoñecidas… os queixos de San Simón, de forma que recordan un peito de muller, e os capóns, produto da artesanía vilalbesa, polos castrados, alimentados a man, sacrificados coidadosamente e presentados como o mellor manxar de Nadal de Galicia.