Entre Mondoñedo e Abadín, o Camiño está constituído por un tramo de gran dureza e dificultade. Hai que superar o difícil Alto da Xesta, clara división entre a costa e o interior.
Suponse que o nome de Abadín procede da pertenza na antigüidade a tres mosteiros – Mondoñedo, Lourenzá e Meira-, gobernados por abades. Abadín é para os camiñantes a porta de entrada da gran comarca natural da Terra Chá, que ten a Vilalba por capital e pola que o camiño se percorre con gran facilidade.
Pásase por Galgao, onde se celebra a tradicional Romaría de San Cosme e onde, xunto á Igrexa de San Martiño, se conserva un magnífico cruceiro.
En Gontán, cun importantísimo mercado gandeiro, existe un albergue para peregrinos con 26 prazas.
Despois de atravesar o río Gontán, chégase á capital do municipio, cruzándoa xunto á casa do concello e colexio público. O polideportivo municipal acolle tamén ós peregrinos.
A igrexa parroquial de Santa María de Abadín é románica, do século XII, cun fermoso rosetón, confeccionado nunha soa pedra. Na fachada, dous escudos moi gastados, dos Luaces, que foron señores de Abadín desde o século XVI.