Desde Triacastela a estrada apártase do vello camiño, aínda que discorre pola súa zona de influencia. E así, por ela nos diriximos a SAMOS, onde a súa abadía tivo un singular papel na atención ós peregrinos.
O mosteiro foi fundado no século VIII, quizais por mozárabes procedentes de Andalucía. O edificio, con templo e dous claustros, é barroco, con notoria reconstrucción efectuada tralo grave incendio de 1951.
Foi un importantísimo centro espiritual e cultural e aínda hoxe é lugar de recollemento e traballo, encravado nun recóndito val que nos traslada a épocas pretéritas.
Da súa primeira época conserva unicamente a prerrománica Capela do Ciprés.
Xa nas proximidades de SARRIA volvemos ó camiño en San Esteban de Calvor, a antiga Vila Calvaria. O templo parroquial está situado sobre un castro prerromano. Houbo aquí, antano, un mosteiro fundado no século VIII polo presbítero Adilán.
Sarria non está mencionada no Calixtino. Si, en cambio, a vila Santi Michaelis, que puidera se-la próxima zona prehistórica de San Miguel. Sarria é, quizais, a Flavia Lambies de que falou Ptolomeo. Era xa condado no século XII...
O torreón, resto do castelo dos Condes de Sarria, está situado na parte máis alta da vila. Construída esta fortaleza no século XIV, foi derrubada no XV, durante a rebelión dos Irmandiños.
Nas súas inmediacións atópase a Igrexa de El Salvador, románica, de planta rectangular. Existía xa a finais do século XI. A comezos do século XII, dona Urraca doouna ó Bispo de Mondoñedo. Fronte a este templo, atópase o edificio que albergou o Hospital de Peregrinos de San Antonio, fundado -segundo se cre- polo Conde de Lemos.
O Convento da Madalena, hoxe de Padres Mercedarios, ten igrexa de estilo gótico isabelino. O seu hospital daba cama e esmola ós peregrinos.
Tamén xunto ó camiño, Capela de San Lázaro, resto do antigo Lazareto para atención ós peregrinos enfermos.
A Igrexa de Santa María, ocupa o solar dun antigo templo románico.
De Sarria saímos pola Ponte Áspera, medieval, en dirección a Barbadelo.