Percorremos, pois, os 343 quilómetros do Camiño Primitivo desde a cidade de Oviedo a Compostela.
A este Camiño Primitivo non lle faltaron hospitais, milladoiros, fontes santas ou capelas, e se duro resulta algún tramo do Camiño Francés para facer aínda máis meritorio o seu percorrido, duro é o Camiño Primitivo, que percorre a difícil xeografía montañosa entre Galicia e Asturias, e requiriu a construción de numerosos hospitais establecidos no seu percorrido para a atención dos peregrinos, sempre necesitados de axuda. E obtivo apoio constante dos diversos Reis, que fomentaron as peregrinacións por este camiño, consolidando a relación entre a corte de Oviedo e Compostela.
En Oviedo, está o Arca Santa, que se garda na capela de San Miguel ou Cámara Santa, alí depositada polo Rei Alfonso II.
En Oviedo, está a Arca Santa, que se garda na capela de San Miguel ou Cámara Santa, alí depositada polo rei Afonso II
Quere a tradición que esta arca das reliquias estivese na corte de Toledo, despois de percorrer o norte de África, buscando seguridade para o seu contido. Agochada no Monsacro, preto de Oviedo, o Rei depositouna na basílica do Salvador. Cando se abre en 1075, en presenza do rei Afonso, aumenta a difusión en todo o mundo cristián, e os peregrinos chegan cada vez en maior número para a súa veneración.
Partimos de Oviedo, que foi chamada “cidade relicario” polo seu papel de custodio das sagradas reliquias.
Desde a Catedral, que alberga o Museo da Igrexa de Asturias, sáese pola praza da Catedral ou de Afonso II o Casto. Pasamos pola rúa de San Xoán, e polo lugar onde se saía do recinto amurallado, a porta de Socastiello.
Xa extramuros do vello recinto, chégase -rúa da Lúa- á praza de Santa Clara, con convento de MM. Clarisas, de mediados do século XIII. A cruz situada fronte ó convento sinalaba o comezo da zona rural .
Séguese polas rúas de Covadonga e Melquíades Álvarez onde está o moderno templo de San Xoán de comezos do século XX, que albergou a parroquia nacida no vello hospital deste nome.
Logo, rúas Independencia, Tenente Coronel Teijeiro, La Argañosa… Aquí houbo un acueduto (Los pilares) de 41 arcos e catrocentos metros de longo, que desde 1568 ata finais do século XIX trouxo á cidade as augas do Naranco.
Quedan non lonxe os monumentos ramirenses de Santa María e San Miguel de Lillo, exemplos perfectos da arte prerrománica.
O primeiro núcleo habitado que atopamos no noso camiño é San Lázaro de Paniceres, con malatería que xa se menciona nun documento de 1331, proba de atención ós peregrinos enfermos.
Na aldea de Llampaxuga, hai que chegar ata a ermida do Carmen.
Seguimos as abas do Naranco, entre o monte e o val, con cumes impresionantes que vixían o noso camiño.
Despois de Lloriana e Fabarín, río Nora coa medieval Ponte de Gallegos, que evidencia a dirección cara onde camiñamos.
Do Concello de Oviedo pasamos ó de Las Regueras e comezamos a subir o Alto del Escamplero. No alto estivo o Hospital do mesmo nome, que se supón do século XIV, continuador do Mosteiro de San Martín que se menciona nun documento de finais do século XI.
Logo de Taraniello, Valsera, La Rabaza e Picarín, báixase ó val do río Nalón, para cruzalo pola histórica ponte de Peñaflor, onde houbo outro hospital de peregrinos fundado por Afonso VII en 1144. Na igrexa parroquial de Peñaflor consérvanse restos do antigo templo románico.
Aquí houbo fortísimos combates entre franceses e españois no decurso da Guerra da Independencia, loitando pola posesión deste valioso paso natural entre Asturias e a zona occidental da Península.
En Premoño houbo un hospital de peregrinos ata o século XVIII. Consérvase a súa capela e casa que o albergou, coñecida como a “Casona de la Portalada”.
Foi o Rei Afonso X o que outorgou a carta fundacional da vila de Grado, a mediados do século XIII, e quen exercía a tenza do seu alfoz en 1256.
Nacida arredor do Camiño a Compostela, conserva a estrutura do burgo medieval. A súa muralla perviviu ata o século XIX, tendo unha moi importante vida política e comercial.
Houbo aquí un hospital de peregrinos da Nosa Señora das Candeas. Sábese da súa existencia na segunda metade do século XVII.
O Pazo de Valdecazana (do XVIII) é na actualidade a Casa da Cultura. Cómpre visitar a Capela barroca das Dores, tamén do século XVIII.
Hai memoria, así mesmo, que -xa fóra de Grado- no lugar de San Juan de Lleñapañada ou Villapañada houbo un hospital da orde de San Xoán de Xerusalén para a atención dos peregrinos. Na actualidade hai un novo Albergue.